O parque de Santa Margarita acolle o sábado 6 de maio de 11.00 h a 19.00 h o XXVII Día da Ciencia na Rúa, que volverá encher de bulicio científico a cidade da Coruña. A festa ten como protagonistas principais ao alumnado e profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas que traen con entusiasmo actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar á cidadanía para descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a tecnoloxía. Xiroscopios xigantes; análise de graxas nos alimentos; ilusións ópticas; hotel de insectos; electricidade con patacas; proxectos de xardinería, de robótica e de domótica; xogos matemáticos; experiencias para ver como de rápido funcionan as neuronas; ou extracción de ADN dun plátano son só algunhas das moitas actividades que traen 49 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda.
Tamén participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
O programa inclúe ademais moitas outras actividades da man da Asociación Galega de Xadrecistas (AGAX), a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva e Gallaecia Viva, UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal de Música da Coruña e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade.
>> Consulta o plano da xornada e o programa de actividades.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos
Ademais, os Museos Científicos Coruñeses celebran este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Esta actividade está organizada polos Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC.
Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia e Innovación.