Día da Ciencia na Rúa ’22

Máis de 30 entidades volven a encher o parque de Santa Margarita de ciencia o sábado 7 de maio

Este sábado, 7 de maio, volve ao Parque de Santa Margarita o Día da Ciencia na Rúa ’22. A festa ten como protagonistas principais ao alumnado e ao profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas. Nesta XXVI edición, 35 centros da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño traen con moita ilusión as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar á cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia. A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias colabora na organización do evento un ano máis.

No Día da Ciencia na Rúa estarán tamén presentes entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Universidade da Coruña participa coa Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), o Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Cátedra EMALCSA-UDC.

Tampouco faltarán á cita outras institucións asentadas na cidade, como o Centro Oceanográfico da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC): Grupo CellCOM e Grupo de Microbiología. Sumáronse ademais nesta edición a Facultade de Física USC e a Facultade de Ciencias USAL.

Outras entidades, como a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva ofrecerán as súas actividades para o público que visite o Parque de Santa Margarita neste día. O desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña, xogos e talleres, completarán esta xornada festiva.

Xornada de portas abertas

Ademais, os Museos Científicos Coruñeses súmanse a este día con xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae.

Na Casa das Ciencias, no centro da festa no parque, a entrada será libre neste día. Para as sesións de Planetario deberá retirarse unha invitación, que se repartirá media hora antes de cada sesión.

Na Domus e no Aquarium Finisterrae será preciso reservar as entradas para gozar desta xornada de portas abertas. As reservas pódense realizar, cun máximo de 3 días de antelación, picando nestas ligazóns:

Reservas Domus

Reservas Aquarium Finisterrae

Premio Javier Novelle

Nesta edición do Día da Ciencia na Rúa quérese render unha homenaxe a Javier Novelle, quen desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e durante 24 anos impulsou con gran éxito esta celebración, traxectoria interrrumpida polo seu falecemento.

Os premios que levan o seu nome serán un recoñecemento aos centros escolares que participan no Día da Ciencia na Rúa, nos que se destacará o aspecto máis relevante das súas presentacións.

Aquí podedes ver o plano de actividades para planificar a vosa visita.

Se queres máis información sobre algún destes eventos non dubides en poñerte en contacto con nós
Coa colaboración de:
Asociación de Amigos
da Casa das Ciencias
Parque de Santa Margarita s/n
15005 A Coruña
Telf. 981 189 846
Máis información
Súmate ao noso boletín de novidades e mantente ao día das actividades que organizamos
Subscribirme
Política de privacidade