O XXVIII Día da Ciencia na Rúa terá lugar o sábado 4 de maio de 2024 no parque de Santa Margarita, organizado pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña e Cátedra EMALCSA-UDC. Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O parque de Santa Margarita converterase un ano máis no epicentro de centos de actividades sobre bioloxía, tecnoloxía, matemáticas e física ao alcance de todos os públicos e da man de preto dun milleiro de escolares e profesorado de 54 centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio. Un hotel de insectos; experiencias sobre hidróxeno verde; lentes de realidade virtual para ver o interior do corpo humano; un túnel do vento; a construción dun periscopio; un taller de panadería; un código Morse con Arduino; un proxecto de simulación da ecolocalización dos morcegos; filtros naturais para a auga; ou un piano electrónico onde as teclas son froitas son algunhas das propostas para gozar e aprender neste Día da Ciencia na Rúa.
Xunto a eles, persoal da investigación e a divulgación presentarán un diverso programa de actividades para toda a cidadanía en ata as 62 xaimas que conformarán a xornada onde estarán as da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a Fundación IMQ San Rafael, o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación LUZADA da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Tamén haberá numerosas actividades paralelas en torno ao edificio da Casa das Ciencias ofrecidas pola Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias) ou UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12 horas e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade a partir das 17.30 horas.
Neste enlace podes consultar o plano coa ubicación das xaimas e actividades no parque de Santa Margarita.
Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia e Innovación.