A Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) dedica un concerto, o vindeiro día 17 de novembro, ao 30 aniversario da creación da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias (AACC). Con obras de William Walton e Serguéi Rachmaninov, ao recital, que se celebrará no Palacio da Ópera ás 20.00 horas, poderase asistir con invitación e os socios da entidade recibirán un mail coas instruccións para obtelas.
Antes, a Asociación, presidida por Julio Casal González, tamén organiza dúas conferencias que versarán sobre a relación entre música e ciencia para celebrar as tres décadas desde que un grupo de persoas coruñesas impulsara esta entidade “co obxectivo de apoiar as actividades desenvoltas polo primeiro dos museos científicos da cidade –a Casa das Ciencias–” e que a día de hoxe colabora tamén cos outros tres centros de este tipo que hai na urbe: a Domus, o Aquarium Finisterrae e o Muncyt. Pese a que a data exacta da creación da entidade foi o 13 de xullo, o programa do aniversario coincide coa celebración entorno á Semana da Ciencia, do 11 ao 19 de novembro.
Este mesmo xoves, día 9 de novembro ás 19.30 horas, a Domus acolle a conferencia da poeta, música e astrónoma aficionada, Estíbaliz Espinosa, baixo o título ‘Onda Nós (música e astronomía na Coruña polímata)’. E o vindeiro xoves, 16 de novembro ás 20.00 horas, a pianista e divulgadora Almudena M. Castro, falará sobre ‘La belleza de los pequeños números’ no Palacio da Ópera. Ambas conferencias teñen entrada libre ata completar a capacidade da sala.